Un viño con carácter marcado, personalidade, certa cremosidade e aromas cítricos. Así definiu a sumiller Mercedes González o novo Godeval Revival (Recuperación de Viñedos de Valdeorras) que se presentou esta mañá en Santiago. O acto celebrouse no Espazo Campus Stellae, da Praza da Quintana, e a el asistiron a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o director de EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia), Juan Manuel Casares Gándara, e o enólogo, e un dos responsables do proxecto, José Luis Bartolomé; ademais de numerosos bloggers e amantes do viño.
Trátase dun novo caldo de godello da bodega situada no Barco de Valdeorras e do que se presentou unha serie limitada de 6.600 botellas. Este viño xurde da selección de uvas procedentes do seu viñedo máis emblemático, ‘Pancho’, un dos máis antigos da propiedade e marcado por un micloclima especial. Ademais, o Godeval Revival é o resultado dunha investigación de tres anos para determinar cal era o tempo óptimo de maceración a baixas temperaturas e así extraer as mellores calidades da variedade godello. Un tempo que se estableceu finalmente en 12 horas.
Así se explicou durante un acto no que non faltou a emoción ao recordar a Horacio Fernández, fundador e presidente de Godeval, e no que os asistentes puideron gozar dunha animada cata.
Click to view slideshow.
The post O Godeval Revival estréase en Santiago entre bloggers e amantes do viño appeared first on Pincha(e)Discos.