Quantcast
Channel:
Viewing all articles
Browse latest Browse all 7

Escribindo entre os viñedos de Adegas Galegas e Bodegas Martín Códax

$
0
0
Viñedos en O Rosal de Adegas Galegas.

Viñedos en O Rosal de Adegas Galegas.

“Ao final o viño é unha expresión da súa procedencia, do conxunto do solo, da orientación das vides”… Como si dun poema se tratase, mesmo dunha historia de amor, así falan dos seus viños e do seu traballo os membros do equipo de Adegas Galegas e Bodegas Martín Códax.

Escribindo entre viñedos dinme conta do porque da paixón dos meus anfitrións. Espertei rodeada de parras. Pasei dous días entre bos viños, moitos manxares e mellores persoas! E é que na visita de Pincha(e)Discos ata Adegas Galegas e Martín Códax aprendín que cunha boa compañía podes conseguir mellorar un gran viño. Ou empeorala! (Non si?, María Grille. Risas)

Facendo de límite entre España e Portugal, ademais do Miño, na provincia de Pontevedra atopamos O Rosal. A orografía, o tipo de solo, a influencia do río e o clima particular da zona propician que os viñedos queiran asomar, timidamente, a súa flor, moito antes que no Salnés! Aínda así, Miguel Tubío, director técnico de Martín Códax, explicounos que este ano as vides levan dúas semanas de retraso, polo frío que fixo en marzo e a principios de abril.

O día recibiunos gris, mollado e cunha pouca brétema que non deixaba axexar ao país veciño. A zona, ademais de viño, está chea de historia e de vida. Tanta vida que o primeiro que vimos foi unha culebra!! Moi relevante para o caso meus queridos Watson!, aínda que non o creades. (Cara de ter toda a razón)

“As varietales (clases de uva: albariño, loureira, treixadura…) dependen en gran parte da composición da terra”… Falaba Miguel do tipo de pedras da zona, cando ao coller unha do chan, atopou a bicha!! “Sinal de que o solo está vivo! E a canta máis vida, máis propiedades na terra e mellor uva. O Salnés é practicamente monovarietal de albariño, polas condicións de menor temperatura, máis humidade e pola proximidade do mar, pero sobre todo por tradición histórica. A climatoloxía, o solo e o sistema de condución danlle aos viños de Martín Códax versatilidade. Non é un viño homoxéneo”. Por que? Para que nos entendamos, “nunha mesma ladeira, segundo a inclinación, existen grandes variacións: A máis profundidade do chan, máis vigor no viñedo. A máis vexetación, un acio máis protexido. Isto conclúe en máis punta de acidez, en sabores máis cítricos e málicos”, os que atopamos nas mazás verdes ou nas cereixas. “Nas zonas máis estresadas (con menos auga) cambia radicalmente a cousa, as uvas están máis expostas. Todas estas variacións proporcionan moita riqueza á hora de compoñer os distintos viños”. Capicci? Eu parece que si! (Risilla de entendida do pau)

Cata na bodega de Martín Códax.

Cata na bodega de Martín Códax.

Pero vamos ao importante: A mellor uva, viños cojonudos! Con perdón. Aínda que non debería pedir perdón pola expresión, porque outro dos nosos acompañantes, durante esta intrépida aventura, o profesor de viticultura, e catedrático da Politécnica de Madrid, José Ramón Lissarrague, aproveitou cada segundo para insistirnos en que hai que transmitir á xente a que saben os viños de Adegas Galegas e de Martín Códax. Neste punto eu comentei que moitos de nós non somos quen de distinguir ores, sabores e mesturas nunha primeira proba ou nunha cata! O que si podo facer é dicir si me gusta! Podo contar como se fai, de onde provén e cal é o seu valor na comunidade. Podo detallar que representa e como se xunta todo o anterior e “fai boca”! E, pareceravos mentira, pero mentres tentaba saborear todos estes pensamentos, sen tragalos, e cuspía un sorbo de Veigadares nun recipiente negro, souben por primeira vez na miña vida a que sabe a madeira!! (Suspiro longo) “Se tes que dicir que o viño está cojonudo para que a xente o saiba, pos terás que dicilo!”, espetoume Lissarrague e dígoo satisfeita! (Risas de todos. Este home é un apaixonado sen remedio!) O Veigadares anda ao redor dos 20 euros. É recomendable servilo cun decantador e en copa grande. Por que? Para que vexades como cambia, por mor da osixenación, dende o primeiro sorbo ata o último.

Volvamos ao dos solos vivos e a serpe de Mouli. Os viños deben ser “un fiel reflexo da zona na que medran as uvas”, quedoume gravado grazas a María Grille, directora de Márketing de Bodegas Martín Códax. Ata fai non tanto as parras en O Rosal, en Goián, como en Cambados, non só facían sombra nas casas, vestían as eiras e recibían con toda pomposidade aos convidados, senón que abastecían de vide aos fogares, para autoconsumo na maior parte dos casos, o mesmo que a horta.

Viñedos de Martín Códax en Cambados.

Viñedos de Martín Códax en Cambados.

Os minifundios seguen presentes hoxe en Galicia, xa se vía cando María sinalaba as pequenas parcelas, indicándonos o nome de cada un dos viticultores que forman parte de Adegas Galegas e de Martín Códax. Porque hai cousas que se herdan de pais a fillos e non son só as fincas, son as tradicións, os costumes, os oficios! A maioría dos habitantes dos redores de ambas as dúas adegas son viticultores! Por exemplo, Joaquín Martínez, enxeñeiro do equipo viticultor de Martín Códax, é xa unha terceira xeración. “Nos comezamos o departamento de I+D preguntándonos como debíamos plantar? Coma sempre? Ou haberá vida, máis aló do emparrado??”. Así comezaron a traballar para intentar facer, entre outras cousas, máis produtivas e máis baratas as espalderas (sistema de condución da vide). Tamén teñen un campo de ensaio con diferentes sistemas de condución. O mellor? Depende! (Risas). “O emparrado para pequenas parcelas é o mellor sistema, sempre que mecanizar non sexa un handicap. O equipo de I+D é unha fiestra de aire fresco! Eu teño a experiencia de meus pais, -razoa mentres sinala a súa casa, ao lonxe, detrás dos viñedos-, a de meus avós e tíos e repito moitas cousas das que facía meu tío José e outras penso canto traballou de balde! Se agora levantara cabeza, morrería outra vez, ao vernos traballar desta forma!! (Risas. Cousas de vellos!). Antano utilizaban o raspón e a materia orgánica de orixe mariño, as algas, como abono. Deixouse de facer por comodidade, substituíuse por produtos preparados. Agora sabemos que as algas son un complemento fantástico para uns solos ácidos. Co calcio das cunchas corriximos o nitróxeno e o potasio recuperámolo do raspón (talo do acio). Estes abonos naturais permiten un solo vivo e san. E canta máis bichería no chan, máis vida! Un solo vivo vai poder transmitir vida á viña!”. (Elemental, queridos Watson. Xa volo dixen aí enriba!)

Joaquín contounos que comezaron, tamén, a buscar as variables que máis tipifican ao albariño: a orientación, a proximidade co mar e os tipos de solo. Pero logo de catro anos investigando e facendo viño a conclusión é que o factor máis importante é a man do viticultor! “Nós intentamos prover ferramentas para poder facer produtos cada vez máis distintos e mellores, cunha única variedade. Chegamos as marcas top cun protocolo distinto, cun plan de cultivo específico, poda e abonado distinto, cun manexo máis coidado. Dende o principio, deseñamos o viñedo en función do perfil que queremos obter”. A man do viticultor é á uva o que a man dun deus ao universo! E non esaxero. Probouno o I+D! E eu comprobeino catando un Organistrum. E prometo, logo de 18 viños, que este, en concreto, inserta unha sensación completamente nova na boca. Faille honor ao nome do instrumento é un viño diferente, especial. É o único fermentado en barrica e o meu favorito! #ricorico (16-20 euros/botella).

martín códaxSOBRE OS ESCUMOSOS

Teño que dicirvos que sinto debilidade polas burbullas, por se non o sabiades. Dende fai 5 anos existe a posibilidade de facer escumosos de albariño, con condicionantes moi limitantes, baseados no método tradicional de dobre fermentación en botella. Un escumoso de Adegas Galegas ou de Martín Códax é un produto boutique, son unhas 2.000 botellas ao ano. “Non podemos competir con cavas ou champagne porque non temos nin capacidade nin infraestrutura. Son os nosos xoguetes, porque a case todos nos apetece brindar as celebracións e festas cun produto galego! O gusto polos escumosos non fan máis que medrar. As novas xeracións nos países anglosaxóns son fanáticos dos escumosos. Para o consumidor novo, actual, que non se criou con viño -e que non forma parte da súa cultura-, pero si medrou con refrescos e cervexa, a maneira máis fácil de introducirse ao mundo do viño é a través dun produto gasificado e cun puntiño doce, que cun produto tranquilo e seco”, incide María Grille. Aquí esta fan acérrima das burbullas fai campaña pro escumosos #brindasemprecungalego (Non coñecedes ningún? Aquí van dous: Danza, un brut suave de Adegas Galegas e Alba de Martín Códax).

DATOS INTERESANTES

  • Un vendimador, en rendemento Rías Baixas, corta uns 300 kilos de uva diarios.
  • O 70% de cada kilo de uvas acaba sendo líquido.
  • A pel da uva é a que ten realmente os aromas.
  • As carabuñas producen os verdores.
  • Un viño branco tómase a 10/12 graos. Traduzo: Sácao da neveira unha hora antes de bebelo!
  • Dionisios (Adegas Galegas), un viño extrovertido, desenfadado. Prezo: Sobre 8 euros.
  • Vindel (Martín Códax), uns 30 euros. É de uvas rosas. Vendimase máis tarde e a uva conxélase.
  • O Pazo de Almuíña posúe o único hórreo entre muros no mundo. Usouse para secar lamprea!
Viñedos de O Condado, de Adegas Galegas.

Viñedos de O Condado, de Adegas Galegas.

A VENDIMA

Como definen dende Martín Códax e Adegas Galegas a vendima? Como un espectáculo! Para Asunción Carballo, enóloga de Adegas Galegas: “É un vórtice (remuíño), son xornadas maratonianas, viticultores que chegan, entran e saen con tractores. Ten que haber uvas para encher 22 palés! Son nervios. Hai que combinar prensas, se empeza a chover á metade do día hai que cortar a vendima e se non levanta é un problema! Hai variedades máis complicadas que outras, depende do terreo, de como está plantada a vide, do clima da zona, non ten nada que ver a treixadura do Condado coa do Ribeiro, que está só a 35 kilómetros!!”. Estamos todos embriagados co delicioso relato, interveñen e interrómpense viticultores, técnicos e enólogos… Non podo máis coa emoción e rebento: Entón traducímolo nunha borracheira continua!? (Gargalladas de todos). “Hai unha mestura de emocións, dun chove/para, de ores… -case palpas o xúbilo do momento-, estás 24 horas coa xente coa que traballas, moito máis que coa túa familia!”.

Aquí xúrdeme unha cuestión… E os mortais? Nós poderemos distinguir os ores que desprende unha vendima? Yes We Can/ Vaia si podemos! (Risas) “Notas as ores da pedra, da madeira, do gas carbónico”. -Intervén tamén Miguel Tubío-, “Moito olor a froita”. Volve Asunción: “E dor de cabeza!!” (Volta a rir. Obvio!, penso eu. Unha esmorga en condicións!) “Cada depósito ule diferente. A parcela distinta, uva distinta. Antes de empezar a fermentar ule a zume. Cando empeza a fermentar xa saen outros aromas, comeza a desprenderse a súa complexidade”.

Escribindo entre viñedos, entendín mellor a que sabe o viño! Tamén descubrín que para cada ocasión hai un vño e que a compañía é tan importante para saborealo! Vou cambiar as tres cousas que din que debes facer antes de morrer (e convertelas nunha constante!): Visitar unha adega, beber bo viño e brindar sempre cun galego!

Por Jéssica Pintor

The post Escribindo entre os viñedos de Adegas Galegas e Bodegas Martín Códax appeared first on Pincha(e)Discos.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 7

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú