Nesta nova colaboración para falar de viños galegos, viramos agora cara a provincia de Ourense, zona de Cenlle, pretiño de Ribadavia. De novo buscamos un viño diferente, sorprendente, ben feito, e sobre todo, que guste, para querer repetir e repetir; e, unha vez máis, penso que certaremos con esta escolla.
Pasamos do Caíño Tinto ao CAÍÑO BRANCO, elaboración 100% con esta variedade.
Merece ser destacado sobre todo o seu potencial aromático: un bouquet primaveral delicioso. Chéganme aromas de froitas brancas e de óso: pera, albaricoque, pero sobre todo flores, PRIMAVERA, un anaco da miña terra, porque me trae os aromas das mimosas en cada xiro de copa.
En boca é un viño fresco, moi goloso, gozoso, gustoso… e untuoso, enche a boca; a pesares de tratarse dunha variedade cargada de bastante acidez, aparece moi ben integrada, sen dúbida produto do bo traballo deste viticultor tanto en viña como en bodega.
Outro aspecto destacable, que chamará a atención de todos aqueles que teñan a sorte de probalo é a etiqueta tan molona (inspirada nun debuxo do seu fillo) que viste PINKA. Jorge Pérez (o viticultor, o home para todo desta adega, un home a seguir), contábame un día a bonita historia que hai detrás da etiqueta:
“A etiqueta PINKA é algo especial onde esta impresa a marca dun amigo como é Julio Iglesias, e leva o emblema da súa familia; algo que vén arraigado dende hai anos, e coa súa axuda eu puiden conseguir este soño e propúxenme facer este viño onde meu amigo estea presente: grazas Julio”.
Este viño promete, promete moito e agardan máis sorpresas deste viticultor para este ano.
Neste caso como harmonía vou suxerir algo moi diferente do esperado (e tamén aconsellada un pouco por Jorge), algo moi sinxelo de facer, barato e que combina con este viño á perfección baixo a miña opinión: Un arroz á cubana. Non hai escusas para non invitar a xantar aos colegas ou á familia e beberse este fantástico viño.
Por Lorena Costas do blog Bake My Day
Explosión floral
Nova volta os viños galegos distintos, desta vez vamos cun viño elaborado na comarca do Ribeiro, por Jorge Pérez de Bodegas Merencio, pero que se atopa fóra da DO Ribeiro. A razón de que este viño estea fóra de DO é a uva coa que se elabora, xa que se trata dun viño 100% Caíño Branco; na DO soamente se admite en mestura con outras variedades.
O Caíño Branco utilízase principalmente na zona do Rosal, na mestura de uvas característica desta zona; tamén no Ribeiro mesturada con outras castes, pero non se ten utilizado en monovarietal sendo este viño o primer monovarietal de Caíño Branco.
Trátase dunha uva pouco produtiva, de ciclo medio-largo e maduración tardía, e sensible a enfermidades fúnxicas como o mildeu e a botrite. Os viños teñen uns aromas moi marcados e unha acidez elevada.
Catei o viño durante tres días seguidos para ver a súa evolución no tempo, manténdose fresco e potente ate o final coma se fose recén aberto, o que indica a súa coidada elaboración e coidado na viña e respecto á uva. En total: 18 meses de elaboración antes da súa saída o mercado.
Na copa o viño preséntase limpo, cor ouro pálido e ribete amarelo claro. Xa no nariz e onde aparecen a explosión de aromas que caracteriza esta variedade, aromas a flores melíferas, xesta, castiñeiro, froita amarela, ameixas xaponesas, lima, e incluso un pequeno toque de albahaca. Embriagador.
Na boca e un viño cunha acidez agradable e marcada, que nos fai salivar, largo e persistente, glicérico.
Como maridaxe para este viño propoño un polbo con patacas cocidas, uns boqueróns ou por que non atreverse cun ceviche ou unha xarda marinada.
En resumo, un viño distinto que sorprende e para ben. Non se trata dun viño de supermercado pero e fácil de atopar aínda que haberá que apurarse porque soamente se fixeron 800 garrafas desta ledicia.
Por José Crusat do blog Del comercio y del bebercio
DATOS TÉCNICOS:
VARIEDADE: CAIÑO BRANCO 100%
GRADOS: 12
PREZO: +- 12€
BODEGA: BODEGAS MERENCIO
D.O.: FÓRA DE D.O.
The post Pinka: Chegou a primavera appeared first on Pincha(e)Discos.