Cales son as dúas cousas que máis nos gustan en Pincha(e)Discos? A gastronomía e a cultura. E se mesturamos as dúas nun mesmo acto cunha fin solidaria mellor que mellor! Ese é o caso do concerto que ofrecerá este sábado, 6 de decembro, ás 21:30 horas no Hostal dos Reis Católicos o polifacético Pablo Carbonell. O evento consistirá na cata comentada de dous viños brancos da D.O. Ribeiro, Vilerma 2013 e Viña Mein 2013, e a posterior actuación en acústico do coñecido showman. As entradas – a 12 euros – pódense mercar en A Reixa Tenda, co aliciente de que a recadación íntegra irá para a Cociña Económica de Santiago.
Carbonell regresa a Compostela para presentar o seu último álbum, Canciones de cerca, un espectáculo que prefire non definir para que sexa o propio público o que se sorprenda. Pero se vos digo que inclúe música, monólogos e a compañía da súa guitarra ‘La cangrenosa’ xa vos podedes facer unha idea de por onde irán os tiros. “O humor está presente unha vez máis nos teus traballos…”, dígolle na conversa que mantemos por teléfono. “E mira que intentei que se recoñeza o meu valor como poeta! Pero non o consigo!”, contéstame con graza. E é que Pablo Carbonell é así. Nunca sabes por onde vai saír!
A recadación íntegra da súa actuación no Hostal – con cata comentada de dous viños brancos – irá destinada á Cociña Económica de Santiago
A Santiago viu por primeira vez con 17 anos. “Entón pareceume incrible que a xente vivira nunha cidade tan bonita, tan como de conto. A xente vivía en casas de pedra! Como de ilustracións de libros infantís. Parecíame algo marabilloso!”, asegura. Por aquí estivo tocando, actuando e incluso na súa etapa como reporteiro do exitoso programa de televisión ‘Caiga quien caiga’. E aquí puido gozar – e goza – do mellor da nosa gastronomía. “En Galicia tendes unha materia prima moi boa. Gústame moito o caldo galego. Estou namorado da centola! E a pescada á galega paréceme un prodixio”, afirma. Dío un que tamén se define como cociñeiro de categoría. “Encántame cociñar. Cando cociño, evádome. Reláxame moito”, conta.
Moitos recordarán a Pablo pola súa pertenza ao lexendario grupo dos 80 ‘Los Toreros Muertos’, banda que en 2015 regresa aos escenarios coa súa xira 30 aniversario. Pero por que agora? “Porque sempre tivemos unha materia pendente cos nosos fans, que é gravar o noso disco en directo. É o noso deber facelo. É unha misión de Deus! E ímolo facer o ano que vén coas cancións máis emblemáticas do noso repertorio e cinco temas novos”, explícame Carbonell. Ademais, ten en marcha dous proxectos máis: “Ensinarlle inglés á miña filla Mafalda e escribir unhas memorias que sirvan de aviso para calquera que queira meterse nos enredos nos que eu me metín”. E con todo o vivido por este cantautor, actor, director, guionista, showman e “cociñeiro de categoría” seguro que é un libro con moita, moita miga.
Por Rebeca MunínThe post Pablo Carbonell regresa a Compostela para un concerto benéfico con cata de Ribeiros: “Estou namorado da centola” appeared first on Pincha(e)Discos.